Este procedemento consiste no recoñecemento dunha ou varias unidades de competencia recollidas nas diferentes cualificacións profesionais a través das fases de asesoramento, avaliación e acreditación das competencias profesionais.
A partires de agora este procedemento estará aberto permanentemente, sendo posible solicitar a participación no mesmo en calquera momento.
Requisitos para a participación:
1. Posuír a nacionalidade española, atoparse incluído como persoa residente comunitaria ou familiar deste ou ser titular dunha autorización de residencia en España en vigor.
2. Ter 18 anos, para as unidades de competencia de nivel 1, e 20 anos para as de nivel 2 e 3.
3. Ter experiencia laboral e/ou formación non formal relacionada coas competencias acreditables.
a. Experiencia laboral.
i. Unidades Competencia de nivel 2 e 3. Xustificaranse polo menos tres anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total, nos últimos 15 anos.
ii. Unidades Competencia de nivel 1. Xustificaranse polo menos dous anos, cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total, nos últimos 15 anos.
b. Formación non formal.
i. Unidades Competencia de nivel 2 e 3. Xustificaranse polo menos 300 horas, nos últimos 10 anos.
ii. Unidades Competencia de nivel 1. Xustificaranse polo menos 200 horas nos últimos 10 anos.
4. As persoas candidatas non poderán estar matriculadas nun ciclo de formación profesional ou realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das unidades de competencia nas cales solicita a súa inscrición. Tampouco poderán posuír ou estar en condicións de obter un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña a/s unidade/s de competencia que solicita, nin as súas equivalentes ou a acreditación parcial das unidades de competencia que solicita. Ademais, non poderán estar inscritas noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional, ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera Administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia que solicita.
Como facer a solicitude:
A solicitude de participación deberá
presentarse obrigatoriamente por vía electrónica cubrindo previamente os
datos no sistema de información acreditación, desde onde deberá xerarse o formulario normalizado que se presentará necesariamente na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.
Máis información premendo na imaxe (extraída de trazosdigital.com):
No hay comentarios:
Publicar un comentario